Language
  • English
  • Español
  • Deutsch
  • Italiano
  • Português
  • Français
  • «O meu traballo é clonar libros que ás veces nin existen»

    «O meu traballo é clonar libros que ás veces nin existen»
    Download PDF

    La entrevista. Manuel Moleiro: Editor de facsímiles de códices

    Nunca se conformou con medianías, aínda que como bo galego dáballe certo apuro ir de primeiro. A vida foi levando a e este ourensán, Manuel Moleiro, ata convertelo nun dos primeiros galegos que acadou en España o título de licenciado en Periodismo, «de Ourense seguro que o primeiro», alá polo ano 1972. Estudiou na Autónoma de Barcelona e tivo entre os seus profesores a Manuel Vázquez Montalbán. Pero o seu futuro non parecía estar no xornalismo senón na edición, unha actividade que empezou cando aínda era estudiante universitario.

    Agora, un dos xornais ingleses con máis prestixio, The Times, vén de cualificar os libros da editorial Moleiro como «A arte da perfección». Onte pechouse no Pazo Municipal da Coruña unha mostra destas obras de Moleiro, un feixe de códices, facsímiles, mapas e libros antigos, xoias das que se esgotaron en poucos meses.

    ¿Que fai un xornalista metido a editor?
    Os libros sempre me gustaron e empecei a traballar cando estaba estudiando con Ebrisa, na que éramos socios varios estudiantes. Cando din por aí que eu empecei de cero non é certo, porque en realidade empecei con menos novecentas mil pesetas, que era o que debía.

    ¿Que editaban?
    Ebrisa era unha editorial que se foi capitalizando, porque os beneficios eran reinvestidos na compañía. Publicamos obras de escritores como Roa Bastos, Humberto Eco, Borges, Cortázar.... libros cunhas iluminacións pegadas a man. Pero eu non quería estar obrigado a dar unha conta de resultados, quería ser independente, non ter necesidade de dar beneficios.

    Pero cegar a esa situación non é nada doado, ¿non?

    Iso é ter un puco de liberdade, un tipo de funcionamento que non se dá na edición. Eu o que quero é publicar algo porque é interesante e non tendo en conta criterios comerciais. Cando selecciono unha obra mestra non é porque sexa viable no mercado, é polo interese da obra en si mesma.

    ¿Que pasou con Ebrisa?
    Tiña un gran prestixio no mercado e acabouse vendendo á editorial Planeta.

    Logo traballou con Franco María Ricci.
    Si, foi unha colaboración na que eu facía todo o traballo e el tiña o nome. Podería dicir que todo o que Ricci en España é gracias a min, aínda que poida soar pretencioso.

    E finalmente chegou o selo editorial Moleiro.

    Si, Moleiro é o paso o límite máximo. Trátase de clonar un orixinal, que ás veces nin existe. Como dixo Ángela Franco, do Museo Arqueolóxico
    Nacional, ás veces o que facemos é máis importante que o orixinal xa que o orixinal non existe como tal volume. Esta é a primeira e única edición, unha edición irrepetible que leva estudios extremadamente coidados feitos para os que temos especialistas rusos, franceses, alemáns, de Estados Unidos.... Busco persoas o máis especializadas posible de acordo co tema do libro. Unha mostra do prestixio da editorial é que nunca ninguén rexeitou participar cando se lle propuso facelo.

    ¿Como é iso de clonar un orixinal que non existe?

    Ás veces o libro como tal non existe. Por exemplo, da Biblia de San Luis a maior parte está en Toledo pero un prego de 16 páxinas atópase na Morgan de Nova York, de feito é un dos seus tesouros. Pois o que facemos é reunilos. Por certo que unha mostra da calidade das reproduccións é que un dos tomos desta Biblia estivo exposto con outros dous orixinais, pasaron por alí máis de dez mil persoas e ninguna advertiu a diferencia.

    ¿Cantos títulos ten agora mesmo Moleiro no seu catálogo?

    Son 27, moitos deles xa esgotados porque son irrepetibles e incomprables porque son tiradas de 987 exemplares cada un.

    ¿Non se poden facer máis edicións?

    Non; iso xa está especificado no contrato que só se farán eses exemplares. A persoa que ten un libro destes ten un tesouro. Algún vendeuse no seu momento con 400.000 pesetas e agora está en dous e medio ou tres millóns de pesetas.

    Na biblioteca do Vaticano xa hai catro dos seus libros. ¿Quen son os seus clientes?
    Están eses do Vaticano, e o presidente de Estados Unidos, mellor a súa muller, Laura Bush, que é bibliotecaria tamén lle regalaron outro. Non hai ningunha biblioteca importante do mundo que non teña un dos meus libros. Hai moita xente que ten un libro destes porque é unha xoia e unha vez feita evistas o perigo de que desaparezan. O maior inimigo dos tesouros bibliográficos é o home e non hai máis que ver o que acaba de pasar en Bagdad, o que pasou en Saraxevo ou na Gulbenkian de Lisboa que se inundou.

    Por certo, a «Apocalipsis Gulbenkian» foi o último título que publicou. ¿Como vai?
    Está esgotado.

    ¿Toda a tirada?

    Si, os 987 exemplares. O que ten ese libro ten un tesouro e venderonse todos desde abril.

    ¿Por que prezo?

    Pois 4.450 euros cada un.

    ¿En que anda agora?
    Quería facer un libro coa iconografía do apóstolo Santiago. Levo quince anos por bibliotecas e museos tomando notas e vendo onde están as ilustracións. Trataríase de facer unha selección para dar outra imaxe, menos guerreira do apóstolo Santiago.

    Por Rodri García