DICCIONARIO_dic_inicio
telefono
+34 93 240 20 91

The most prestigious company specialised in the identical reproduction of illuminated manuscripts and atlases
 

Os códices de Moleiro, en Santiago

30-04-2004_El Correo Gallego Download Pdf
Os códices de Moleiro, en Santiago

O editor ourensán, coñecido en todo o mundo polos seus case-orixinais dos manuscritos máis fermosos, abre unha exposición na Casa Simeón

O seu último traballo, o Beato de Girona, é o único dos 'beatos' iluminado por unha muller


Manuel Moleiro é coñecido en todo o mundo polas súas reproducións clónicas dos códices máis fermosos realizados na época medieval e no Renacemento.

Polas súas mans pasaron algúns dos libros mellor gardados a través dos séculos, nalgúns casos ''tocados unicamente por catro ou cinco persoas en 500 anos'', asegura.

A súa editorial, establecida en Barcelona e considerada a mellor do mundo nesta tarea, rescata para os ollos do home contemporáneo obras secuestradas en vitrinas de bibliotecas ou nas Caxias fortes dos museos, dando así a oportunidade a estudiosos e bibliófilos de desfrutar delas de principio a fin.

O vindeiro 4 de maio, a Casa Simeón de Santiago acollerá a inauguración da exposición Tesouros bibliográficos e mapas medievais, unha mostra do seu traballo ó longo de doce anos que se poderá desfrutar ata o día 28.

Este galego universal de San Facundo de Cea traerá á cidade do Apóstolo por primeira vez, entre outros, a fastuosidade das imaxes de varios códices do Beato de Liébana,
cualificados por Humberto Eco como ''o maior acontecemento iconográfico da historia da humanidade'', a Biblia de San Luis, unha magna obra en tres tomos do século XIII encargada para a educación do rei de Francia, El Caballero Zifar, a primeira novela escrita en castelán e o libro polo que o editor sente predilección, e El libro de los medicamentos simples, un volume excepcional non só pola beleza das súas ilustracións senón porque corresponde á culminación dos saberes curativos dos medievais europeos.

Os que acudan a esta maravillosa exposición tamén poderán contemplar a reprodución do Atlas Universal de Diego Homem, un códice pertencente á Biblioteca de San Petersburgo, obra dun cartógrafo portugués do século XVI que realizou toda a súa producción no desterro e que Moleiro devolveu ó Estado portugués. Este Atlas conta con vinte mapas de fermosísima factura. Ademais, a mostra contará co último traballo de Moleiro. Presentado a semana pasada no Museu Nacional d'Art de Cataluña, o Beatro de Liébana, códice de Girona é o máis iluminado de todos os Beatos e o único que se sabe que foi pintado por unha muller chamada En (En depintrix), que contou, como axudante, o presbítero Emeterio. Durante moito tempo esta artista do século X foi menosprezada polo simple feito de ser muller. No estudo que acompaña a este case-orixinal, como lle gusta chamar a Moleiro as súas edicións, corríxese esta afrenta por Carlos Miranda, autor do estudo das miniaturas.

Os códices de Moleiro poden atoparse nestes momentos en máis de oitenta países. Ademais de facelos renacer, encarga ós mellores medievalistas o seu estudo. É a súa contribución á cultura e ó mantemento dun legado que, de non ser polo seu traballo, o tempo e as súas feridas se encargarían de borrar. Ten compradores e admiradores en todo o mundo. Son bibliotecas, universidades, institucións culturais e particulares que esperan con ansiedade o nacemento dun novo case-orixinal. No seu obradoiro,un equipo de sesenta persoas logran o milagre mesturando as técnicas artesanais máis antigas coa última tecnoloxía. É un labor longo e laborioso que implica polo menos 18 meses de traballo para culminar a edición dun códice. O seu resultado poderá contemplarse en Santiago a partir da vindeira semana.

LAS CLAVES
Tirada numerada e autentificada / Moleiro realiza unha tirada única de 987 exemplares numerados e autentificados notarialmente de cada códice. As bibliotecas que custodian os orixinais, unha vez que deixan as súas xoias para seren reproducidas, nono volven a permitir.

Unha reproducción exacta dos detalles / Os clónicos reproducen todos os detalles do códice, empezando polo soporte, para o que fabrican un papel especial de espesor variable, ata a impresión, con ouro, prata e tintes case idénticos. Máis que unha obra impresa é unha obra pintada.

CARINA REGUEIRO _ SANTIAGO
 

© 2013 M. Moleiro Editor. Travesera de Gracia, 17 | 08021 Barcelona | ES +34 932 40 20 91 | FR +33 09 70 44 40 62 | USA +1 (305) 831 4986 | UK +44 (0) 20 7193 4986 |