Manuel Moleiro presenta no Salon du Livre de Paris: O Libro de Horas de Enrique VIII
O editor ourensán Manuel Moleiro participa estes días no Salon du Livre de París, unha das citas máis importantes do mundo do libro, para presentar unha das novedades da súa editorial: O Libro de Horas de Enrique VIII. Aproveitamos esta boa nova para falar de novo co editor, nunha entrevista na que nos conta datos sobre este libro de horas e na que nos fala tamén do seu traballo como responsable dunha empresa que leva o seu nome, que está ubicada en Barcelona e que se dedica a clonar, con total exactitude, tesouros bibliográficos como beatos, libros de horas, mapas, atlas e biblias, entre outros. Na actualidade, a editorial que dirixe Manuel Moleiro está considerada como a máis prestixiosa do mundo en canto a reprodución de códices.
- Durante os días 22 a 25 de marzo estará presente no Salón du Livre de Paris. Como editor, cal é a importancia de participar nesta cita, considerada como unha das máis importantes do mundo do libro?
- París, dende sempre, ten un encanto especial para a cultura. Non debemos esquencer que Francia foi na Idade Media o centro de produción de códices, especialmente libros de horas, máis importante de Europa. Tamén en París está a Bibliothèque Nationale de France, que é a que ten un fondo máis amplo de manuscritos con pinturas, atlas e mapas en todo o mundo.
- Nesta feira danse cita os autores máis recoñecidos e as novidades do mundo editorial. Como editor, é difícil ter un oco neste espazo?
- O que edita Manuel Moleiro é tan diferente ao que fan os demais editores que o mesmo Salon du Livre gravounos un vídeo para a súa propia promoción entre o público francés. É máis, o Salón creou un espazo: Art Square, para resaltar o noso traballo e atraer a atención neste sentido. O feito de que a persoa poida ver, tocar e, por suposto, poseer os mesmos manuscritos que con anterioridade tiveron figuras tan relevantes como Isabel A Católica, Ana de Bretaña, Margarita de Austria, o Duque de Berry, e o emperador Carlos V, entre outros, ten un interese e un encanto especial.
- Presentará no Salón unha das novidades da súa editorial, o Libro de Horas de Enrique VIII. Fáleme desta obra.
- O Libro de Horas de Enrique VII é produto dun momento no que as monarquías europeas se distinguían pola fastuosidade dos seus códices. A posesión deste tipo de obras era unha mostra de poder. Todos os reis importantes desa época reunían na súa corte a un equipo de pintores, expertos en caligrafía, debuxantes e cartógrafos en labores de este tipo. En moitos casos, posuían un auténtico scriptorium ou, no seu defecto, contrataban estas obras cos máis notables artistas con taller propio.
- Cal é o aspecto máis característico que subliñaría do libro?
- A impactante beleza das súas miniaturas, obra do artista Jean Poyer, pleno de sensibilidade no debuxo e fascinante no uso das cores. Non debemos olvidar que é a obra do monarca máis famoso e inquietante da historia de Inglaterra.
- Como chegou ás súas mans o orixinal desta peza? Por que decidiu apostar por ella para facer unha réplica exacta?
- Unha parte importante do meu traballo consiste en localizar onde se atopan os tesouros bibliográficos, neste caso na Morgan Library & Museum de Nueva York e despois examinalos detidamente e confirmar que a información previa concorda coa realidade. O feito xa de facelo é o de contar coa complicidade da Morgan Library para que de a autorización pertinente.
- Os seus traballos caracterízanse pola gran meticulosidade coa que están feitos. Neste caso, canto tempo lles levou facer a réplica? Que traballo de investigación seguiron para facela posible?
- O tempo de realización é o habitual necesario para este tipo de traballos, onde debes verificar micra a micra cada páxina do manuscrito, a exactitude da cromía e que cada material que se utilice sexa o mesmo que no manuscrito orixinal. Hai que conseguir que o clon non sexa posible diferencialo visualmente do orixinal. Dito de outra maneira, que incluso teña o mesmo olor que o orixinal que desfrutou o rei de Inglaterra, Enrique VIII.
- Cantos exemplares imprimiron?
- Sempre facemos os mesmos exemplares: 987, numerados e certificados notarialmente.
- É vostede ourensán. Cónteme: como chegou a Barcelona e como acabou sendo editor?
- Viñen a Barcelona a estudiar cinematografía e xornalismo. En Ourense non era posible facer o que eu desexaba dende neno.
- Que é o que máis lle apaixona do seu traballo?
- O contacto cos manuscritos e todo tipo de documentos da alta cultura realizados, preferentemente, na Idade Media e o Renacemento.
- Cando fala dos seus traballos non lle gusta utilizar o término “facsímil”. Cónteme por que?
- O que nós facemos, como di Le Monde, está moi por riba do que xeralmente se coñece como facsímil: “La maison d’édition espagnole Moleiro a inventé le concept de “presque original”, plus adapte pour rendre compte du travail artisanal extrêmement minutieux réalisé pour éditer ces ouvrages plus proches du clone que du fac-similé »
- Canta xente hai agora mesmo traballando na súa empresa?
- Pouco máis de 70 persoas.
- A que tipo de público vai dirixido o seu produto?
- Culto e coa capacidade de emocionarse ante a beleza.
- Os seus libros, son un artigo de luxo?
- Non. Son soamente un luxo do intelecto. Soamente as persoas coa capacidade de sentir a arte poden ter este tipo de obras. Hai que ter algo máis que cartos.
- Imaxine: Se non fora editor, que sería hoxe Manuel Moleiro?
- Produtor e director de cine.