Moleiro na Casa Simeón

Moleiro na Casa Simeón
Scarica Pdf

ARTE MEDIEVAL / O editor ourensán residente en Barcelona abre o 4 de maio en Santiago unha exposición coas súas reproducións clónicas de fermosos códices e mapas medievais

Rescata para os ollos contemporáneos obras secuestradas durante séculos en bibliotecas e museos

Manuel Moleiro é coñecido en todo o mundo polas súas reproducións clónicas dos códices máis fermosos realizados na época medieval e no Renacemento.

Polas súas mans pasaron algúns dos libros mellor gardados a través dos séculos, nalgúns casos ''tocados unicamente por catro ou cinco persoas en 500 anos'', asegura.


A súa editorial, localizada en Barcelona e considerada a mellor do mundo nesta tarefa, rescata para os ollos do home contemporáneo obras secuestradas en vitrinas de bibliotecas ou nas caixas fortes dos museos, dando así a oportunidade a estudiosos e bibliófilos de desfrutar delas de principio a fin.

Os códices de Moleiro poden atoparse nestes momentos en máis de oitenta países. Ademais de facelos renacer, encárgalles ós mellores medievalistas o seu estudo. É a súa contribución á cultura e o mantemento dun legado que, de non ser polo seu traballo, o tempo e as súas feridas encargaríanse de borrar.

O vindeiro 4 de maio, a Casa Simeón de Santiago acollerá a inauguración da exposición Tesouros bibliográficos e mapas medievais, unha mostra do seu traballo ó longo de doce anos que se poderá desfrutar ata o día 28.

Este galego universal de San Facundo de Cea traerá á cidade do Apóstolo por primeira vez, entre outros, a fastuosidade das imaxes de varios códices do Beato de Liébana, cualificados por Umberto Eco como ''o maior acontecemento iconográfico da historia da humanidade'', a Biblia de San Luis, unha magna obra en tres tomos do século XIII encargada para a educación do rei de Francia, El Caballero Zifar, a primeira novela escrita en castelán e o libro polo que o editor sente predilección e El libro de los medicamentos simples, un volume excepcional non só pola beleza das súas ilustracións senón porque corresponde á culminación dos saberes curativos dos medievais europeos.
Os que acudan a esta marabillosa exposición tamén poderán contemplar a reprodución do Atlas Universal de Diego Homem, un códice pertencente á Biblioteca de San Petersburgo, obra dun cartógrafo portugués do século XVI.

Edicións como obras pintadas
A Editorial Moleiro realiza unha tirada única de 987 exemplares numerados e autentificados notarialmente de cada códice. As bibliotecas que custodian os orixinais, unha vez que deixan as súas xoias para seren reproducidas, non o volven permitir. Os clónicos reproducen todos os detalles do códice, empezando polo soporte cun papel especial de espesor variable, ata a impresión, con ouro, prata e tinguiduras case idénticas. Máis que unha obra impresa é unha obra pintada.

EN, UN NOME DE MULLER DO SÉCULO X QUE REVOLUCIONOU OS 'SCRIPTORIA'
A mostra da editorial de Manuel Moleiro na Casa Simeón contará co seu último traballo. Presentado a semana pasada no Museu Nacional d'Art de Cataluña, o 'Beato de Liébana, códice de Girona' é o máis iluminado de todos os Beatos e o único que se sabe que foi pintado por unha muller chamada En (End depintrix), que contou, como axudante, co presbítero Emeterio. Durante moito tempo esta artista do século X foi menosprezada polo simple feito de ser muller. No estudo que acompaña este case-orixinal, como lles gusta chamar a Moleiro ás súas edicións, corríxese esta afronta por Carlos Miranda, autor do estudo das miniaturas. Moleiro ten compradores e admiradores en todo o mundo. Son bibliotecas, universidades, institucións culturais e particulares que esperan con ansiedade o nacemento dun novo case-orixinal. No seu obradoiro, un equipo de sesenta persoas logran o milagre mesturando as técnicas artesanais máis antigas coa última tecnoloxía. É un labor longo e laborioso que implica polo menos 18 meses de traballo para culminar a edición dun códice. O resultado deste fascinante labor editorial poderá contemplarse en Santiago de Compostela a partir da vindeira semana.

Carina Regueiro. Santiago
 




We use private and third party cookies to improve our services by analyzing your browsing habits. If you continue to browse, we consider that you accept its use. Learn more x