M. Moleiro, prestixio e obsesión pola perfección

M. Moleiro, prestixio e obsesión pola perfección


O prestixioso editor ourensán Manuel Moleiro, coñecido en todo o mundo polas súas reproducións perfectas dos mellores códices medievais e renacentistas, acaba de lograr o que ningunha outra editorial puido ata agora, o permiso da British Library para editar o Breviario de Isabel a Católica, unha xoia bibliográfica única. Para este proxecto, do que Moleiro se sente moi orgulloso, investirá arredor de 4.500.000 de euros. Este Breviario, xunto á Biblia de San Luis, son ata agora as súas obras máis relevantes.

Saíu ós dezaoito anos de San Facundo de Cea para estudar Xornalismo en Barcelona, e hoxe en día é un editor con obra en preto de noventa países. Trece mil persoas mercaron nalgunha ocasión un 'Moleiro'. Os seus códices logran tal perfección que substitúen os orixinais para seren estudados. As mellores bibliotecas e arquivos de todo o mundo se disputan a Moleiro para que edite os seus tesouros.

A súa fidelidade na reprodución do publicado hai séculos abriulle agora as portas a un proxecto pechado para as grandes editoriais europeas. Trátase da edición do Breviario de Isabel a Católica, o tesouro máis prezado da British Library. Este asombroso manuscrito foi concibido como o máis luxoso dos breviarios flamencos; cada páxina foi maxistralmente iluminada polos mellores pintores de Flandes co fin de acadar un manuscrito dunha fermosura e suntuosidade inigualables.

A orixinalidade e a forza das súas miniaturas fan do Breviario de Isabel a Católica un códice único. O breviario, cun corpo de textos maior que o libro de horas, ofrécelles ós iluminadores un abano de temas máis amplo e permite, polo tanto, maior liberdade creativa e variedade de imaxes. Os seis mestres que interviñeron na realización do Breviario de Isabel a Católica puxeron unha énfase moi especial nas escenas que representan a construción, destrución e reconstrución de Xerusalén e o seu Templo, así como escenas de celebración con músicos e cantantes baixo a dirección de David. Non existe un ciclo semellante en ningún outro manuscrito contemporáneo.

O Mestre do Libro de Oración de Dresde é o pintor principal do Breviario. Destaca pola expresividade narrativa das súas imaxes, pola súa capacidade de darlles vida e movemento ás súas escenas. É asombrosa a súa habilidade para representar os xestos dos personaxes e a expresividade dos rostros, que subliña o significado da acción principal de cada episodio.

Isabel a Católica recibiu o manuscrito pouco antes de 1497, de mans do seu embaixador Francisco de Rojas, para conmemorar o dobre matrimonio dos seus fillos, os infantes Xoán e Xoana, cos do emperador Maximiliano de Austria e a duquesa María de Borgoña, Margarida e Felipe. Unha miniatura a páxina completa amosa o escudo de armas establecido de forma conxunta por Isabel e Fernando, cunha grande aguia, símbolo de san Xoán Evanxelista. O Breviario de Isabel a Católica é de gran relevancia histórica porque reflicte non só a realidade artística senón tamén a axitada vida política europea de finais do século XV, na que os enlaces matrimoniais reais significaban alianzas políticas internacionais e expansións territoriais.

Manuel Moleiro investiga, restaura e conserva desde 1991 as obras máis fermosas da cultura europea cunha perfección tal que as converte en 'case orixinais'.

Moleiro asegura que nunca se deixa influír por condicionamentos como a proximidade xeográfica ou o consello de terceiros para editar un códice. Elixe a obra só polo seu valor histótico e artístico e cando confía plenamente nela. Leva vinte e cinco anos percorrendo bibliotecas e arquivos de todo o mundo, especialmente europeos e americanos, na busca do mellor dos códices medievais e renacentistas.

Ó longo destes anos xurdiu unha complicidade moi especial entre os conservadores dos museos e o editor ourensán, algo imprescindible para descrubir as xoias que se agochan nestas institucións. Moleiro confesa estar convencido de que o que o levou a atopar algúns destes libros case descoñecidos e incribles foi a súa curiosidade. ''Sen ela, este traballo non sería posible'', explica.

Estes facsímiles son estudados por investigadores de todo o mundo en lugar dos auténticos. A empresa fundada por Manuel Moleiro, que ten a súa sede en Barcelona, está formada por un equipo de sesenta persoas encargadas da realización dos facsímiles. A edición dun códice implica unha media de dezaoito meses de traballo. Este comeza coa fabricación dunhas placas fotográficas especiais que permiten obte-la calidade de imaxe do códice orixinal, do que se toman fotografías exhaustivas co fin de capta-las cores en toda a súa intensidade. Cada foto cotéxase co orixinal cunha caixa de luz perfecta. É o propio Moleiro quen compara copia e orixinal, e, se ten a mínima dúbida, a copia tírase e realízase unha nova. Ningunha fotografía é fiel ó orixinal. Por iso as probas se retocan á man ata que sexan copias perfectas.

O papel da reprodución elabórase tendo en conta os materiais do orixinal e calíbrase o groso de cada pergameo respectando as súas medidas. Despois comeza a etapa de impresión, que implica un proceso complexo no que se inclúe un offset, a fotoimpresión e caligrafía, entre outros pasos. De cada obra, que sempre vai acompañada dun profundo estudo, saen á luz soamente 987 copias numeradas e autentificadas notarialmente. Non fai nada que se fixera previamente. Ademais de editar fielmente e de maneira artesanal o códice na súa totalidade, o libro queda estudado e clasificado polos mellores especialistas e, en moitas ocasións, a editorial M. Moleiro tamén se ocupa da súa restauración se é necesaio.

A maior parte do mercado que existe sobre libro é por follas soltas, coas que non se pode ter un concepto claro da obra en si, algo que non ocorre cos exemplares rescatados por Moleiro. Cando a edición está acabada, os investigadores que se achegan a unha biblioteca para estudar un códice xa non tocan o orixinal, tocan o Moleiro.

CARINA REGUEIRO

Preferências de cookies

Utilizamos cookies próprias e de terceiros para melhorar os nossos serviços através da análise dos seus hábitos de navegação. Para mais informações, pode ler nossa política de cookies. Pode aceitar todos os cookies, configurá-los ou rejeitar a sua utilização clicando num dos botões abaixo.